MuSar Dixital

Inicio / MuSar Dixital

A igrexa de Santa María de Sar no século XIII

A igrexa de Santa María de Sar sufriu ao longo da súa historia numerosas transformacións que alteraron o seu primitivo proxecto románico e déronlle a imaxe que presenta hoxe en día. A adicción dunhas pesadas bóvedas no século XV provocou a inclinación progresiva de toda a estrutura, que tivo que ser en parte reconstruída no século XVIII. Esta intervención, aínda que garantiu a supervivencia do templo ata a actualidade, motivou a construción dos grandes arbotantes do exterior, así como a desaparición da metade superior da fachada románica.

Agora, tras un longo proceso de investigación histórica, preséntase esta reconstrución virtual do aspecto que presentaría a igrexa no século XIII, ao tempo da finalización das súas obras. O máis rechamante, ademais da ausencia dos arbotantes exteriores, moi posteriores, é a fachada oeste cos tres rosetóns dos que dispuxo orixinalmente. Tamén a ausencia de bóvedas no interior e a presenza dun falso triforio sobre as arquerías que separan as naves.

Este proxecto de reconstrución virtual realizouse a través da convocatoria de axudas destinadas a Centros Museísticos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e no marco dun contrato de I+D entre o Arcebispado de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, IN-0372-24.

O aspecto do interior da igrexa de Santa María de Sar na Idade Media sería un tanto diferente ao que ten hoxe en día. Na reconstrución corrixiuse a inclinación dos muros e os piares, e eliminouse a bóveda de canón apuntado que provocara precisamente a desestabilización da estrutura. Do mesmo xeito que noutras igrexas románicas emparentadas estilísticamente con Sar, a cuberta orixinal sería unha armadura de madeira que descansaría sobre arcos diafragma apoiados sobre as arquerías laterais. Sobre estas, existiría moi probablemente un triforio, que se inspiraría no da catedral compostelá, aínda que en Sar non se correspondese cunha verdadeira tribuna. Para reconstruír estas dobres arquerías do corpo superior recorremos ás de Santa María de Xunqueira de Ambía, onde aínda se conservan. A súa construción iniciouse a mediados do século XII e foi promovida, precisamente, pola comunidade de cóengos de Sar. Por esa razón é máis que probable que a idea do falso triforio de Ambía procedese de Santa María de Sar, onde hoxe, desgraciadamente, xa non existe.

Un dos obxectivos deste proxecto de reconstrución virtual era presentar o aspecto orixinal da fachada principal de Santa María de Sar. Esta tivo que ser reconstruída no século XVIII, debido ao inminente perigo de derrube que presentaba entón, polo que unicamente o corpo baixo coa súa magnífica portada corresponde ao proxecto románico.

Por diversos testemuños extraídos da documentación de época moderna, sabemos que o corpo superior, no canto das tres xanelas actuais, tiña tres rosetóns. Ademais, temos o testemuño arquitectónico da igrexa ourensá de Santa María de Xunqueira de Ambía, construída a imaxe da de Sar, onde afortunadamente aínda se conserva a fachada románica integramente cos seus tres rosetóns. As tracerías, tanto do rosetón central como dos laterais, puideron ser reconstruídas agora virtualmente, grazas aos restos conservados na colección do MuSar, tras un complexo proceso de estudo e de deseño.

Créditos

Promoven: Arcebispado de Santiago — Fundación Catedral de Santiago

Colaboran: Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Dirección de proxecto: Ramon Yzquierdo Peiró

Dirección científica: Victoriano Nodar Fernández

Deseño 3D: Alejandro Vázquez Durán

Documentación: Diego Fernández Núñez

Planos: Elena Bello Villar

Comunicación: Jaime Mera García

Administración: Olga Viqueira Silveira

 

Agradecementos: Fernando Barros Fornos, Albertina Cuevas Vidán-Freiría, Gonzalo García Figueroa, Daniel Lorenzo Santos, Noelia Márquez Grille, Francisco Peón Carballo, José Porto Buceta y Ricardo Sanjurjo Otero.