Descubre o MuSar

Museo Colexiata de Sar

O conxunto monumental de Santa María a Real de Sar é un antigo priorado da Catedral de Santiago situado nunha paraxe ás beiras do río Sar moi próximo á cidade histórica de Compostela.

Está presidido por unha magnífica igrexa románica, moi ben conservada a pesar dos problemas estruturais que sufriu e que a fixeron famosa pola inclinación dos seus muros e piares.

Na súa parte sur levántase o edificio do antigo priorado cuxas estancias se organizan ao redor dun silencioso claustro que aínda conserva unha galería románica realizada polo obradoiro do coñecido Mestre Mateo. Este edificio está ocupado hoxe, en boa parte, polo MuSar, un museo que destaca pola súa colección de pezas de arte medieval procedentes do propio monumento.

Unha antiga tradición popular fai remontar aos tempos dos discípulos do Apóstolo Santiago a orixe de Santa María de Sar. Aquí estaría o pazo da mítica raíña Lupa da lenda xacobea quen, tras converterse ao cristianismo, transformaríao nun mosteiro do que sería a súa primeira abadesa.

O certo, con todo, é que Santa María de Sar foi fundada en 1134 por Munio Alfonso, antigo cóengo da catedral de Santiago e fiel seguidor do primeiro arcebispo de Compostela, Diego Xelmírez (1100-1140). Comezou entón a construción da igrexa e das dependencias necesarias para a vida da comunidade de cóengos de Santo Agostiño que alí ía instalarse, e que se organizarían ao redor dun gran claustro. Todo o conxunto foi edificado polos obradoiros que entón construían a gran catedral románica de Santiago.

Tras unha etapa de esplendor entre os séculos XII e XIII, a institución entrou nun proceso de decadencia progresivo. No século XVIII, con todo, Santa María de Sar coñeceu de novo unha época dourada que se traducirá na renovación case completa do claustro e na reconstrución desa igrexa que entón ameazaba ruína.

A igrexa de Santa María de Sar correspóndese cun tipo de templo moi estendido en Galicia entre as comunidades monásticas de pequeno e mediano tamaño: tres naves separadas por piares compostos que rematan na cabeceira en tres ábsidas, das cales, a central ten unha maior anchura e altura.

Tanto o seu deseño arquitectónico como a escultura monumental que conserva nas súas tres portadas e nos capiteis do interior mostran unha grande calidade e son testemuña da presenza directa dos obradoiros que traballaron entre os séculos XII e XIII na construción da Catedral de Santiago.

Sen embargo, polo que é máis famosa esta igrexa é pola forte inclinación que presentan os seus muros e que se fai particularmente rechamante cando circulamos polas súas naves e observamos os piares inclinados que case desafían a lei da gravidade.

Foron as bóvedas realizadas a finais do século XV as que, co seu forte peso e empuxes horizontais, acabaron inclinando a estrutura. Así se entenden os grandes arbotantes do exterior do templo que tiveron que ser construídos posteriormente para garantir a estabilidade do conxunto.

Santa María de Sar dispuxo tamén dun claustro medieval acaroado á parte sur da igrexa. Irremediablemente perdido na súa maior parte pola construción do actual polo arquitecto compostelán Frei Manuel de los Mártires, no século XVIII, só podemos imaxinar a súa beleza a partir dos nove arcos da parte norte, milagrosamente conservados, e polos abundantes restos pétreos conservados no MuSar.

É unha galería que se caracteriza pola exuberancia decorativa que presentan case todos os elementos arquitectónicos con formas vexetais e, en ocasións, animais. Estilísticamente, e conforme avanzamos cara ao oeste, apréciase nesta galería unha evolución desde as formas do románico cara a outras que anuncian a estética gótica e que ilustra á perfección o ambiente artístico compostelán do primeiro terzo do século XIII no que, xunto aos talleres que seguen fieis á ingluencia do Mestre Mateo, aparecen outros que introducen xa o novo estilo gótico.

O patio do claustro está presidido no seu centro por unha magnifica fonte cuxa cunca, labrada nun único bloque de granito e decorada por galóns, inspírase, sen ningún tipo de dúbida, na que hoxe centra o claustro da catedral compostelá e que foi realizada cara a 1120 para presidir o adro da Porta Francíxena da basílica.

O Museo de Sar foi fundado no ano 1975 co obxecto de mostrar ao público a rica colección artística que posuía a parroquia. Desde o ano 2016 a súa xestión foi asumida pola Fundación Catedral de Santiago. Realizouse entón unha adaptación e modernización do discurso museográfico e incluíuse dentro do proxecto Compostela Sacra, que o vencella con outros museos eclesiásticos da cidade de Santiago.

O MuSar destaca pola súa ampla colección de pezas de escultura románica e gótica que proceden tanto do claustro medieval como da propia igrexa. Nos seus fondos consérvanse un gran número de capiteis, cimacios e bases que, polo seu estilo, demostran a participación de escultores do taller do Mestre Mateo na construción do claustro e a súa finalización nunhas datas avanzadas do século XIII.

O MuSar conserva tamén unha interesante colección de vestimentas litúrxicas e de ourivaría que ofrece unha panorámica da evolución da pratería galega desde o sobrio clasicismo ao barroco e o rococó, que, á súa vez, dará paso ao neoclasicismo.

Colección

Descubre os ricos fondos artísticos que conserva o MuSar, a través dos cales é posible percorrer a historia deste lugar, dende as súas orixes no século siglo XII ata
a actualidade.

Horarios

Luns a Venres: 10-14h y 16-18h
Sábados: 10-14h

Tarifas

XERAL

2 €

A compra de entrada á Colexiata de Sar supón a aplicación da tarifa reducida na compra de entrada en calquera modalidade de visita ao Museo Catedral de Santiago.

RESERVA A TÚA VISITA

GRATUITA

0 €

Visitantes Museo Catedral
Menores de 12 anos acompañados de adultos
Peregrinos acreditados
Grupos escolares (previa reserva)

RESERVA A TÚA VISITA

* O ACCESO AO TEMPLO PERMANCERÁ PECHADO DURANTE A CELEBRACIÓN DE ACTOS LITÚRXICOS.

Educación

Poñemos a disposición dos centros educativos unha guía didáctica para visitar o conxunto monumental de Santa María de Sar.

Esta guía ofrece aos docentes información necesaria para poder realizar un percorrido guiado polo museo, claustro e igrexa, facilitando pautas necesarias para desenvolvela de maneira sinxela cos alumnos.

Tarifa gratuita para grupos escolares, previa reserva:
981 562 891 – museosar@archicompostela.org

Novas

Descubre toda a nosa actualidade do Museo Colexiata de Sar.

O Museo Colexiata de Sar estrea páxina web

Como parte do proxecto de mellora do Museo Colexiata de Sar, elaborouse unha páxina web na que se concentran as diferentes informacións relacionadas con este espazo patrimonial. En concreto, desenvolveuse unha web na que, ademais de información práctica sobre horarios e tarifas, pódese consultar e ampliar datos sobre a arte e a historia da igrexa […]

Publícase unha guía de visita ao conxunto monumental de Sar

Nas próximas semanas estará dispoñible unha nova e ampla guía de visita do conxunto de Santa María de Sar. Trátase dunha publicación realizada a modo de guía de visita que percorre toda a historia do espazo. Tamén inclúe unha descrición artística de cada un dos espazos que conforman o conxunto monumental, formado pola igrexa, o […]

O Museo Colexiata de Sar crea a súa imaxe corporativa

Como parte da renovación museográfica do Museo Colexiata de Sar, deseñouse unha identidade corporativa que sirva de elemento indicativo e visible. O diseño permitiu crear un logotipo, elaborado a partir das letras que conforman a inscrición que se pode ler no sepulcro de Bernardo II.

TELÉFONO

981 562 891

ENDEREZO

Rúa de Sar, s/n
Santiago de Compostela

EMAIL

museosar@archicompostela.org