Publícase unha guía de visita ao conxunto monumental de Sar

Nas próximas semanas estará dispoñible unha nova e ampla guía de visita do conxunto de Santa María de Sar. Trátase dunha publicación realizada a modo de guía de visita que percorre toda a historia do espazo. Tamén inclúe unha descrición artística de cada un dos espazos que conforman o conxunto monumental, formado pola igrexa, o claustro e o museo.

Esta publicación, escrita pola historiador da arte Victoriano Nodar, permite profundar nos dous campos de estudo, o da historia da Colexiata de Santa María de Sar e a evolución artística tanto da igrexa como do claustro e as estancias que o rodean. Cunha presentación realizada dun modo pedagóxico, permite unha secuencia de lectura fácil e amena para o público á vez que facilita o maior aproveitamento no acceso aos coñecementos durante a visita.