A colección de escultura medieval do MuSar é a máis numerosa —máis de 100 pezas— e está formada por elementos construtivos e decorativos que formaron parte da igrexa e do claustro medieval.
Durante as obras de reconstrución da igrexa e do edificio do priorado estes elementos foron desmontados e,a maioría acabaron sendo reutilizados como lousas pavimentais nas pandas do novo claustro. Foron rescatadas durante as obras de restauración dos anos 60 do século XX e en 1975 convertéronse no xerme do museo ó seren expostas ó longo das galerías do claustro moderno. Recentemente, foron retiradas e conservadas coidadosamente no almacén do museo á espera de que se habiliten novas salas na colección permanente e poidan finalmente ser expostas.
Colección escultura
Colección escultura
Pezas procedentes da igrexa
As pezas que con seguridade proceden da igrexa son poucas pero moi significativas. Por unha parte destacan cinco pezas que formaban parte das tracerías dos rosetóns da parte superior da fachada da igrexa, hoxe desaparecida. Malia o seu estado fragmentario, foron suficientes para poder reconstruír o aspecto orixinal destes rosetóns e presentalos na reconstrución virtual publicada nesta mesma web. Do amoblamento medieval da igrexa procede unha placa pétrea do lateral dun altar e tamén fragmentos das molduras dunha ara de altar con unha banda decorada con follas moi carnosas.
Pezas procedentes do claustro medieval
As pezas procedentes do claustro son as máis numerosas. Dos vinte cinco capiteis conservados, a maioría e están moi danados xa que foron cortados no século XVIII para adaptalos mellor á súa nova función de pavimento nas galerías do claustro. Mellor conservados están os trinta cimacios que chegaron ata nos e que están decorados con un rico repertorio de motivos vexetais nos que se aprecia a evolución da escultura compostelana desde o tardorrománico ata o gótico durante o século XIII.

