A investigación e catalogación do patrimonio epigráfico medieval da colexiata de Santa María de Sar, realizada polo especialista Álvaro Castresana López, permitiu identificar, documentar e analizar un valioso conxunto de inscricións conservadas neste monumento. Este traballo centrouse tanto na revisión de pezas xa coñecidas, que precisaban unha catalogación actualizada, como no estudo dos sartegos medievais e das súas inscricións funerarias.
A investigación tamén abordou as lápidas conservadas no almacén da colexiata, procedentes dos fondos pétreos que ata 2017 se exhibían no claustro. Grazas á súa análise, foi posible incorporar novos datos ao coñecemento histórico do monumento. Entre os achados máis relevantes destaca a localización de inscricións inéditas nos pavimentos da igrexa, nunca antes identificadas, que amplían significativamente o corpus epigráfico de Sar. Así mesmo, o estudo de fotografías históricas publicadas en monografías e catálogos permitiu recuperar a memoria de inscricións procedentes de Sar pero actualmente desaparecidas. Este proxecto contribuíu a mellorar o coñecemento, conservación e difusión dun patrimonio excepcional, fundamental para comprender a historia da colexiata e da comunidade que a habitou ao longo da Idade Media.













































